Día Internacional dos Museos 2020



Hoxe é o día internacional dedicado por Nacións Unidas aos Museos. No mundo hai un número notable de institucións con esa denominación. Hainos de todos os tamaños, dende enormes e fascinantes edificios a humildes instalacións. Poden depender de administracións públicas ou organizacións privadas, contar con ingresos suficientes ou estar sumidos na precariedade, no voluntarismo privado, as veces da iniciativa dunha soa persoa, instalados en grandes cidades ou en recantos perdidos. Hai museos que eran difíciles de visitar polos milleiros de visitantes diarios ás súas exposicións ou coleccións, outros abrían para unha ou poucas persoas as súas pequenas superficies. E utilizo o verbo visitar en pasado, pois a pandemia do COVID-19 trae un reto para os museos e a súa forma de traballar. Coas normas de hoxe mesmo, é complicado adaptar as instalacións para garantir o necesario distanciamento entre persoas para evitar contaxios. Como noutras actividades humanas, a experiencia de percorrer as instalacións dun museo vai cambiar. Quizá para ben nalgúns aspectos, se o límite de aforos permite evitar a escena dunha multitude incapaz de facer o selfie perfecto ante o cadro famoso, pero esas limitacións afectarán aos ingresos de moitas grandes referencias.
Pase o que pase coa forma na que os usamos, os museos seguirán a gardar un valor patrimonial valioso ao permitir a xeracións futuras poder apreciar ou estudar as súas coleccións.
O Dr. Vallejo, inclinado sobre a vitrina cos seus colaboradores
Pouco antes do confinamento puido realizarse a visita de tres profesores da Universidade de Manila a Ferrol dirixida polo Dr.Vallejo. O motivo, a existencia no Museo de Historia Natural da Colección conquilóxica doada polos descendentes do insigne mariño ferrolán Claudio Montero y Gay, un exemplo dos mariños científicos do s. XVIII. Levantou unhas admirables cartografías e cartas mariñas das Filipinas, ademais de compilar, durante moitos anos, unhas 3 000 cunchas daqueles mares, reunindo probablemente a mellor colección histórica existente. 
Así o testemuñou o Profesor Vallejo, subliñando que de moitas especies é hoxe imposible atopar semellantes exemplares polo expolio dos areais para decoración ou coleccionismo. A visita feita a continuación ao Museo Naval permitiu contemplar o retrato ao óleo de Montero y Gay, un exemplar espléndido dun mapa de Filipinas que admirou aos nosos visitantes. O complemento final foi admirar a instalación que ten o Naval sobre o galeón de Filipinas, que actuaba de lanzadeira con México para levar as prezadas mercadorías, algúns exemplos delas tamén exhibidas no museo. A experiencia de poder facer en Ferrol en dúas visitas un viaxe ao pasado da ciencia, da cultura compartida -e lamentablemente deixada- entre dous países tan distantes fíxome valorar máis aínda o valor dos museos, e do privilexio de telos en Ferrol.

Pousando ante o retrato de Claudio de Montero y Gay

Comentarios

Publicacións populares deste blog

T. Sesmero, Portlanista

A danza do lagarteiro