Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Xullo, 2020

A danza do lagarteiro

Imaxe
O Lagarteiro peneireiro ( Falco tinnunculus ) é o máis pequeno dos falcóns sedentarios de Galicia. En retroceso nos últimos anos, os lagarteiros resisten dende a costa ata a montaña, axexando aos insectos, réptiles e pequenos roedores, as súas presas, cunha técnica de caza depurada. Sen ser exclusiva deles a estratexia de manterse pendurados do ceo, fixa a vista no solo que pode fornecer a presa, a variante de voo que empregan, lembra máis á técnica dun colibrí que ao uso do voo a contra vento polos Buxatos (no Norte así chamamos aos Miñatos ou Busardos europeos, Buteo buteo ). A ese movemento reiterado das ás deben o segundo termo do seu nome galego de peneireiro , por semellar o abaneo das peneiras, os aros de madeira cunha grade metálica usadas para separar o gran de centeo ou trigo do po. Ei queda o vo deste peneireiro nas abas do monte Caxado, o segundo monte en altura da provincia da Coruña cos seus 756 m.

T. Sesmero, Portlanista

Imaxe
T. Sesmero, Portlanista   A igrexa de Santiago, en Pontedeume (A Coruña, Galicia), amosa unha sorpresa á entrada, unhas cifras sobre formigón pulido suxire unha data, 1897, e unha placa rectangular, como tarxeta de visita, recolle “T. Sesmero, Portlanista, Vigo”. Estendendo a vista advírtese que o chan da igrexa -ampla, con intención de basílica- é totalmente de suave formigón de ton gris pardo, agás unha Cruz de Santiago, destacada ante o altar. Un imaxina a decisión, quizá insólita, tomada por alguén a finais do s.XIX para reparar o solado cunha técnica innovadora por entón. O cemento de tipo Portland, o primeiro artificial, foi o resultado de investigacións e melloras entre 1796 e 1844 en Francia, país de nacemento, e Gran Bretaña, espallándose axiña o seu uso. Así o vigués señor Sesmero, que asina “portlanista” -como podería ser canteiro ou vidreiro- aplica ao remate do s.XIX un material que, á vista está, leva resistindo uns 123 anos en moi bo estado. Honra ao portlanista! Oficio