Publicacións

A danza do lagarteiro

Imaxe
O Lagarteiro peneireiro ( Falco tinnunculus ) é o máis pequeno dos falcóns sedentarios de Galicia. En retroceso nos últimos anos, os lagarteiros resisten dende a costa ata a montaña, axexando aos insectos, réptiles e pequenos roedores, as súas presas, cunha técnica de caza depurada. Sen ser exclusiva deles a estratexia de manterse pendurados do ceo, fixa a vista no solo que pode fornecer a presa, a variante de voo que empregan, lembra máis á técnica dun colibrí que ao uso do voo a contra vento polos Buxatos (no Norte así chamamos aos Miñatos ou Busardos europeos, Buteo buteo ). A ese movemento reiterado das ás deben o segundo termo do seu nome galego de peneireiro , por semellar o abaneo das peneiras, os aros de madeira cunha grade metálica usadas para separar o gran de centeo ou trigo do po. Ei queda o vo deste peneireiro nas abas do monte Caxado, o segundo monte en altura da provincia da Coruña cos seus 756 m.

T. Sesmero, Portlanista

Imaxe
T. Sesmero, Portlanista   A igrexa de Santiago, en Pontedeume (A Coruña, Galicia), amosa unha sorpresa á entrada, unhas cifras sobre formigón pulido suxire unha data, 1897, e unha placa rectangular, como tarxeta de visita, recolle “T. Sesmero, Portlanista, Vigo”. Estendendo a vista advírtese que o chan da igrexa -ampla, con intención de basílica- é totalmente de suave formigón de ton gris pardo, agás unha Cruz de Santiago, destacada ante o altar. Un imaxina a decisión, quizá insólita, tomada por alguén a finais do s.XIX para reparar o solado cunha técnica innovadora por entón. O cemento de tipo Portland, o primeiro artificial, foi o resultado de investigacións e melloras entre 1796 e 1844 en Francia, país de nacemento, e Gran Bretaña, espallándose axiña o seu uso. Así o vigués señor Sesmero, que asina “portlanista” -como podería ser canteiro ou vidreiro- aplica ao remate do s.XIX un material que, á vista está, leva resistindo uns 123 anos en moi bo estado. Honra ao portlanista! Oficio

Día Internacional dos Museos 2020

Imaxe
Hoxe é o día internacional dedicado por Nacións Unidas aos Museos. No mundo hai un número notable de institucións con esa denominación. Hainos de todos os tamaños, dende enormes e fascinantes edificios a humildes instalacións. Poden depender de administracións públicas ou organizacións privadas, contar con ingresos suficientes ou estar sumidos na precariedade, no voluntarismo privado, as veces da iniciativa dunha soa persoa, instalados en grandes cidades ou en recantos perdidos. Hai museos que eran difíciles de visitar polos milleiros de visitantes diarios ás súas exposicións ou coleccións, outros abrían para unha ou poucas persoas as súas pequenas superficies. E utilizo o verbo visitar en pasado, pois a pandemia do COVID-19 trae un reto para os museos e a súa forma de traballar. Coas normas de hoxe mesmo, é complicado adaptar as instalacións para garantir o necesario distanciamento entre persoas para evitar contaxios. Como noutras actividades humanas, a experiencia de percorrer